Paramahansa Yogananda
Paramahansa Yogananda ou Paramhansa Yogananda, nado como Mukunda Lal Ghosh en Gorakhpur o 5 de xaneiro de 1893 e finado nos Ánxeles o 7 de marzo de 1952 foi un monxe, iogui e gurú indio que introduciu millóns de persoas nas ensinanzas da meditación e do Kriya Yoga mediante a súa organización Self-Realization Fellowship (SRF) / Yogoda Satsanga Society (YSS) of India. Discípulo do gurú iogui bengalí Swami Sri Yukteswar Giri, foi enviado pola súa estirpe para expandir as ensinanzas do ioga a occidente, a probar a unidade entre as relixións occidentais e orientais e a predicar un equilibrio entre o crecemento material occidental e a espiritualidade india. A súa longa influencia no movemento do ioga estadounidense e especialmente na cultura do ioga dos Ánxeles, levouno a ser considerado polos expertos en ioga como o "pai do ioga en occidente".Yogananda foi o primeiro mestre indio importante que se estableceu nos Estados Unidos, e o primeiro indio prominente recibido na Casa Branca (polo presidente Calvin Coolidge en 1927); a súa aclamación temperá levouno a ser denominado "o primeiro gurú superestrela do século XX" por ''Los Angeles Times''. Chegou a Boston en 1920 e embarcouse nunha xira de charlas transcontinentais de éxito antes de establecerse nos Ánxeles en 1925. Nas seguintes dúas décadas e media, gañou fama local ademais de expandir a súa influencia en todo o mundo: creou unha orde monástica, continuou a facer xiras de ensinanzas, comprou propiedades para a súa organización en varios lugares de California e iniciou moita xente no Kriya Yoga. En 1952, SRF tiña máis de cen centros na India e nos Estados Unidos e na actualidade teñen grupos en case todas a grandes cidades estadounidenses. Os seus principios de "vida simple e alto pensamento" atraeron xente de todas as orixes entre os seus seguidores.
Publicou o libro ''Autobiography of a Yogi'' en 1946 con éxito de crítica e público; dende a súa primeira edición vendeu máis de catro millóns de exemplares, e Harper San Francisco listouno como un dos "100 mellores libros espirituais do século XX". O CEO de Apple Steve Jobs encargou cincocentas copias do libro para o seu propio memorial, de xeito que cada asistente recibise un exemplar. O libro continuou a ser reimpreso regularmente e é coñecido como "o libro que cambiou a vida de millóns". En 2014 estreouse o documental ''Awake: The Life of Yogananda'' que gañou múltiples premios en festivais de cinema de todo o mundo. Provided by Wikipedia