John Locke

A teoría da mente de Locke é frecuentemente citada como a orixe das concepcións modernas da identidade e do ego, que figuran prominentemente nas obras de filósofos posteriores como Hume, Rousseau e Kant. Locke foi o primeiro en definir o ego como unha continuidade da consciencia. Postulou que, ao nacer, a mente era unha lousa en branco ou ''tabula rasa''. Ao contrario que a filosofía cartesiana —baseada en conceptos preexistentes—, sostivo que nacemos sen ideas innatas, e que, en cambio, o coñecemento soamente determínao a experiencia derivada da percepción sensorial.
Estudou grazas a unha bolsa de estudos no prestixioso Christ de Oxford, que, como era habitual entón, reducía os estudos á filosofía escolástica e ignoraba a filosofía cartesiana e os avances da nova ciencia ou das matemáticas. Decepcionado, reorientou a súa carreira cara aos experimentos químicos (foi colaborador de Robert Boyle) e ao estudo da medicina. Profesor de grego clásico en Oxford, ata os trinta e catro anos non leu a filosofía de Descartes, a cal lle espertou «o gusto para os estudos filosóficos» e construíu unha influencia decisiva nel (víao como unha verdadeira alternativa á escolástica). Tamén recibiu a influencia de Pierre Gassendi (filósofo crítico con Descartes e seguidor do epicureísmo) e na filosofía política, dos británicos Hobbes e Shaftesbury. Viviu en Londres, durante catro anos en Francia e estivo brevemente exiliado nos Países Baixos. Cando volveu a Londres, despois da Revolución Gloriosa, converteuse en asesor dos ''whigs'' (representantes do partido liberal). Provided by Wikipedia