Simón Bolívar

Liderou as campañas que deron a independencia a varias nacións americanas, ademais foi fundador da Gran Colombia. Tamén foi lexislador e redactor de constitucións, ambientalista e xurista. Levou a cabo o Congreso Anfictiónico de Panamá, para crear unha confederación hispanoamericana, que uniría desde México até a Arxentina. No entanto, debido a conflitos políticos económicos internos na Gran Colombia, non puido continuar con este proxecto emancipador que incluía a Cuba, Porto Rico, A Florida e do apoio militar á independencia das Provincias Unidas do Río da Prata. Polos seus actos durante a Campaña Admirable, outorgóuselle tamén o título de ''Libertador de Venezuela''.
Bolívar naceu no seo dunha acomodada familia crioula e, como era habitual entre os herdeiros das familias de clase alta da época, cando tiña 16 anos foi enviado a España para completar a súa educación, trasladándose posteriormente a Francia. Durante a súa estadía en Europa coñeceu as ideas da Ilustración, que máis tarde o motivaron para derrocar o reinado colonial español en Suramérica. Aproveitando a desorde provocada pola Guerra da Independencia española, Bolívar comezou a súa campaña pola independencia en 1808. Despois da vitoria na batalla de Boyacá o 7 de agosto de 1819, o vicerreinado de Nova Granada deixou de ser efectivo, instaurando Bolívar a República da Gran Colombia nos territorios dos actuais estados de Colombia e Venezuela. A pesar de varios atrancos, incluída a chegada dunha forza expedicionaria española sen precedentes, a nova república quedou definitivamente consolidada despois do triunfo dos revolucionarios na Batalla de Carabobo en 1821. Nese mesmo ano incorpórase Panamá, e no ano seguinte a provincia de Quito, en maio, e a Provincia Libre de Guayaquil, en xullo. Bolívar foi presidente da Gran Colombia de 1819 a 1830.
En posteriores campañas, Bolívar liberou Perú e Bolivia, esta última nomeada así na súa honra. Foi simultaneamente presidente da Gran Colombia (formada polos actuais países de Venezuela, Colombia, Panamá e Ecuador), Perú e Bolivia, aínda que pouco despois o seu segundo ao mando, Antonio José de Sucre, foi nomeado presidente de Bolivia. Bolívar tiña como obxectivo unha América hispana forte e unida capaz de facer fronte non só ás ameazas que emanaban de España e da Santa Alianza europea, senón tamén do poder emerxente dos Estados Unidos. No punto álxido do seu poder, Bolívar gobernou un amplo territorio desde a fronteira arxentina ata o Caribe.
Bolívar loitou en 472 batallas, 79 das cales foron importantes; e durante as súas campañas montou a cabalo unha distancia de 123 000 quilómetros, que é dez veces máis que o percorrido por Haníbal, tres veces máis que Napoleón, e o dobre que Alexandre o Grande. Bolívar é visto coma unha icona nacional na maioría da Suramérica moderna, e está considerado un dos grandes heroes dos movementos de independencia da América Latina de comezos do século XIX, xunto con José de San Martín, Francisco de Miranda e outros. Cara a fin da súa vida, Bolívar amosou unha certa decepción. Atribúeselle a frase "arei no mar e sembrei no vento" cando se desmembrou a Gran Colombia; e nun discurso ao Congreso Constituínte da República de Colombia, Bolívar declarou: "Compañeiros cidadáns! Abofé en dicir isto: a independencia é o único beneficio que obtivemos, en detrimento de todo o resto". Provided by Wikipedia